Despois dun ano metidos nisto do polo por fin fomos o noso primeiro campionato. A cita, en Madrid como xa sabedes, esa cidade ateigada de coches e xente pero cada vez mais, tamén de bicis.
Partimos cara alí o venres a noite con algún ca outro inconveniente, como non. Que se o Rober tiña que quitala roña de traballar todo o día por ahí, que se a min se me esquecen os lentes de xogo antideslizantes... Fixemos unha parada de descanso en Salamanca onde acolleunos a irmá de Calvete, Sofía, e puidemos durmir unhas 4 horas antes de partires de novo cara Madrid xa con Sofía incorporada á expedición (grazas pola cobertura Sofía!!)
O sábado o mediodía xa estabamos na cancha, que estaba ateigada de cativos cos patíns e país intentado emular os cativos torpemente. Os partidos comezaron sobre as dúas e media. Algunha xente puido probar a pista e mais quentar cunhas partidiñas previas e xusto cando eu ía botala miña partida correspondente, comeza todo.
No noso grupo estaba un equipo de Gijón o outro era de Madrid e logo estaban as bestas pardas dos alemáns "Almost though shit" que á postre proclamaríanse gañadores do torneo.
O primeiro partido foi contra a xente de Gijón, un partido que gañamos por 5 a 3 mais por ganas e bravura ca por xogo. Comezaron anotando eles os dous primeiros goles tras dous erros defensivos importantes. Logo puxémonolas pilas, centrámonos e logramos remontalo partido co que quedamos satisfeitos. Logo tocounos contra o equipo de Madrid, perfectamente asequible pero os nervios, a falta de visión de xogo e os erros na defensa botaron o partido a perder, 5-0.
Xa so quedaban os alemáns, o equipo mais difícil do grupo, e tiñamos que dalo tipo como fose, pero esa xente sabe como xogar. Bloquean, son moi rápidos gañando a posición e aínda por riba non erran un chute... non nos deron opción, en apenas 5 minutos tiñan o partido gañado 5-0 . Non sabiamos nin por onde abordalos.
Deste xeito xa estabamos na rolda dos equipos perdedores que se xogaría a primeira hora do domingo. Pero aínda tiñamos toda a tarde por diante e como había dúas pistas e so se xogaba nunha estivemos a xogar toda a tarde en modo "shuffle" que lle chaman, atentos o tema. Colócanse os paos dos xogadores que queiran xogar a carón da pista antes de que acabe o partido precedente. O rematar este cóllense eses seis paos, mestúranse e repártense ó chou tres para un lado e tres para outro e así sempre xogas con xente distinta.
E así estivemos dende as 4 ata case as 10 da noite. Aprendemos nesas horas o que non aprendemos en todo un ano.
O día seguinte, tras apenas 6 horas de sono entre madrugar e o cambio de hora, erguémonos como puidemos, que as 6 horas de xogo da tarde pasada pasan factura. O primeiro, fartarse cun copioso almorzo e logo á pista. As 10 da maña xa estabamos alí dispostos a lavala nosa imaxe na rolda dos perdedores. O tema e que non todos estaban alí, entre a festa o cambio de hora e o de madrugar, moitos equipos aínda non chegaran polo que a rolda dos perdedores suspendeuse, aínda que ben é certo que se podería haber xogado. Mentres que a rolda dos gañadores non comezaba os alí presentes non tardamos nada en organizar un "shuffle" e poñernos a xogar, que habería frío e cansancio pero mais ganas había de xogar.
As 12 ou así comezou a rolda dos gañadores. Non me preguntedes resultados nin crónicas pero en liñas xerais podo comentar:
As rapazas do equipo Berlines que tan bo xogo fixeron o sábado recibiron unha malleira do equipo barcelones "polospelos".
Os rapaces alacantinos fixeron un moi bo papel para o pouco tempo que levan xogando.
O equipo francés non chegou tan lonxe coma se esperaba e a pesares de realizar un bo xogo e ter a un dos xogadores mais efectivos e precisos caeu en cuartos.
O equipo portugués deu moito traballo e mostrou un xogo ben elaborado.
O equipo de Gijón clasificado recibiu unha malleira das rapazas de Berlín.
Os dous equipos barceloneses demostraron o nivel de xogo que alí teñen.
Os alemáns... imparables.
A final foi entre os barceloneses "polospelos" e os alemáns "Almost though shit" a dobre partido. Un partido rifado, duro onde os alemáns gañaron o primeiro partido. O segundo foi moito mais disputado e chegaron a gañar os alemáns por 3 a 1. Logo a vantaxe acortaríase ata un 3-3, logo 3-4 para os alemáns, novamente 4-4 e cando xa parecía que os barceloneses os tiñan contra as cordas, un erro defensivo fixo que os alemáns marcasen a porta valeira e gañasen o campionato.
E así foi unha fin de semana de polo, que aínda soupo a pouco. Agora so queda esperar e adestrar para a próxima cita en Gijón co I campionato de España de Bikepolo.
XA TIÑAMOS QUE ESTAR ADESTRANDO!!!
P.D. En breve fotos e mais vídeos da rolda dos gañadores.